venres, 29 de maio de 2020

La isla verde: Matemáticas, natureza, universo...

Neste video podedes desfrutar dun espectáculo de xeometría, natureza, astronomía, fractais e patróns. Beleza natural en todo o seu esplendor. Espero que con el aumente o voso interese pola observación do mundo natural e a loita polo seu coidado e respecto.
O vídeo está creado coa técnica "Time Lapse" que consiste en tomar moitas fotografías a intervalos de tempo nunha posición inmóbil e unilas despois despois para reproducilas como se fose un video a cámara rápida. Esta técnica axuda moito para buscar patróns e predecir fenómenos meteorolóxicos, comportamentos animais e humanos, catástrofes naturais e medioambientales... 
Este video, en concreto, está rodado na illa de La Palma, coñecida como a "illa verde", no archipielago das Canarias. Déixovos que investiguedes, se vos apetece, por que lle chaman así e todo o que se vos ocorra despois de ver o vídeo.


Para desfrutalo máis, recomendo usar cascos.


Boa finde !!!



xoves, 28 de maio de 2020

Reto 029

O reto de hoxe lévanos de viaxe polo Antigo Exipto. Déixovos unha pirámide secreta. Podedes resolvela on line ou descargar o pdf para facela. Na versión on line podedes facer cantas querades.


        



Cronómetro coas táboas

Supoño que a estas alturas, as táboas de multiplicar xa están totalmente dominadas. Imos comprobalo!!!
Facede este test con cronómetro e comparade o resultado cos anteriores. Seguro que mellorades o tempo un montón. Se non é así, xa sabedes, a seguir memorizando. Neste test, entran todas.


Ánimo e a por todas !!




mércores, 27 de maio de 2020

APP para escaneo co móbil

Déixovos aquí información dunha aplicación para escanear documentos co móbil, chámase "Vflat". É para android (non sei se hai para iOS). Permite escanear todo tipo de documentos (follas, traballos, libros...). Pode gardarse o documento escaneado como imaxe ou como pdf. É moi sinxela de empregar e a calidade do documento creado é boa. Entre outras cousas, aplana o texto, no caso de libros, axuta o contraste, aclara a folla e borra o dedo.
Clicando na imaxe tedes algo máis de información.




Reto 028

Hoxe repetimos reto coa balanza, pero este, un pouco máis difícil.



martes, 26 de maio de 2020

Muro das palabrotas

Aquí tedes colocadas no muro todas as palabrotas que ides aportando. Lembrade que teñen que ser palabrotas matemáticas de 3º de primaria para arriba. Por exemplo, "suma" sería unha "palabrota" para un neno ou nena de 1º de primaria ou infantil, pero para vós xa é unha palabra moi coñecida e moi traballada.
Podedes facer as aportacións a través dos comentarios desta entrada. Non poñades datos personais, como moito, se queredes, o nome e o curso, sen apelidos nin nada máis.


Facede clic na imaxe para ver o avance do muro.



Reto 027

Lembrades a balanza que tiñamos na aula para traballar o cálculo mental (sumas, multis, ecuacións...). Propóñovos un reto con ela (pura álxebra).



luns, 25 de maio de 2020

Parabéns !!

Hoxe está de aniversario...



Parabéns: Igor

Cálculo mental. Repaso da resta

Nesta entrada vos deixo un vídeo de repaso con varias estratexias para resolver unha resta (diferenza ou substracción, que son sinónimos). Estas estratexias favorecen as habilidades de cálculo mental.
Non precisan aprender de memoria ningún método baseado nas famosas "levadas" que tantos quebradeiros de cabeza nos deron (e aínda nos dan) aos pais e nais da miña xeración. Recomendo que o vídeo o vexan tamén os vosos pais e nais, se teñen tempo.
No pdf adxunto, fixen unha breve explicación de como poderíamos escribir esas estratexias en linguaxe matemático.

Consello: Propoñede vós problemas sinxelos (con números menores de 100) que se resolvan cunha resta. Despois resolvédeos (primeiro mentalmente e despois por escrito).


Ánimo, porque este repaso vai axudarvos moito co cálculo mental.



Clic na imaxe para ver estas estratexias escritas





Reto 026


mércores, 20 de maio de 2020

Recortable de fraccións

Está será a última entrada da semana, para non saturarvos. Aquí podedes descargar un recortable para traballar manipulativamente as fraccións. Está feito a partir da plantilla de xeoplano que colguei hai días. Falta que escribades o valor dalgunha das fraccións. Se tedes dúbidas, consultádeme por mail.
Tamen podedes colorealo vós a partir da plantila vacía, de feito é a mellor maneira de aprender.





martes, 19 de maio de 2020

Arte, animación, matemáticas en estado puro

Nesta entrada preséntovos un par de videos curtos dun artista de animación, Andreas Wannerstedt, nos que hai moita moita xeometría (rectas, curvas, polígonos, paralelas, perpendiculares, simetrías...), pero tamén moitas matemáticas de nivel, funcións, álxebra, frecuencia, cálculo...
Desfrutádeos e, se vos apetece, comentades que vedes de matemáticas nos vídeos (novas palabrotas?...).







O número do día

Para os que estades facendo a proposta de buscar curiosidades do número de cada día, propóñovos buscar pola casa algún obxecto que mida en centímetros o mesmo que o número do día no que estamos, por exemplo, hoxe buscaría algo que mida 19cm, xa que é día 19 de maio. Podedes incluír ese obxecto como curiosidade do número, por exemplo: "A miña axenda mide 19cm".

Para que vos animedes e miredes o bonito que queda e a cantidade de cousas que se poden aprender con esta actividade, déixovos unha foto do que fixo unha nena de sexto.






Inventamos un tangram ??

Atrevédesvos a deseñar e construír o voso propio tangram? Pode ser unha experiencia moi chula!! Pero ollo, hai que darlle ao coco para facer as pezas. Clicando na imaxe tedes as instrucións para facer este mini proxecto. Para os máis curiosos, hai moito campo para investigar e para todos, é unha forma de crear un novo xogo.



Papel, cores, tesoiras e a construír !!!



luns, 18 de maio de 2020

Plantillas xeoplano e regletas

Aproveitando o video da sesión de OAOA de fracción-decimal-procentaxe, déixovos aquí a plantilla do xeoplano A4 (con cadrados de 1cm) e un recortable a modo de exemplo para construir regletas de papel ou cartolina. Pode servos moi útil para xogar con fraccións ou facer cálculos. Podedes usar o xeoplano para construir vós mesmos as regletas coloreando os cadradiños.

Clicade nas imaxes para descargar as plantillas
    



9ª sesión directo OAOA - Fracción-Decimal-Porcentaxe

Para quen non puido ver en directo esta marabillosa explicación de Marcos Marrero sobre as tres formas distintas pero equivalentes de expresar unha cantidade (fracción, decimal e porcentaxe) aquí deixo o enlace á sesión. Xa sabedes que sempre quedan grabadas na súa canle de Youtube.



Moi recomendable para toda a familia!!
(seguramente moitos pais e nais diredes: "que fácil era e que difícil mo explicaron")


Reto 025

Intentade resolver este reto de xeometría e mandádeme a explicación. Pode ser cun debuxo.




venres, 15 de maio de 2020

Pizarra branca caseira

Aquí vos deixo unha forma moi moi sinxela de facer unha pizarra branca caseira para escribir cun rotulador de pizarra (como o de clase) e borrar as veces que queirades. Xa sabedes que hai rotus de varias cores.




Xa non tedes excusa para non escribir nin debuxar !!

Incluso, unha compañeira vosa decidiu facer na pizarra os traballos para aforrar papel e, de paso, coidar o planeta.




mércores, 13 de maio de 2020

9ª SESIÓN OAOA DIRECTOS

Cando? 
Xoves 14 de maio

Hora?
18:00 a 19:30 (Península)

Onde? 
Canal de Youtube Marcos Marrero Cárdenas

Contido? 
Fracción-Porcentaxe-Decimal (Parte I)


Moi moi recomendable !!!!

Xa sei que a hora non axuda (é a hora do paseo), pero asegúrovos que este tema é moi recomendable para toda a familia. Como en todos os últimos, alí estarei eu. Animádevos.


Reto 024: Facemos un Tangram ??

Déixovos un enlace a un vídeo onde nos contan como podemos construír facilmente un tangram chinés que nos vai permitir facer un sinfín de actividades matemáticas. Desde xeometría hasta medidas, pasando por fraccións, cálculos, proporcións...
Irei propoñendo actividades para traballar co tangram proximamente. Mentres, podedes usalo a modo de reto con figuras de sombras. Deixo abaixo un enlace para as sombras e outro para solucións (neste tedes que facer zoom), pero dádelle ao coco antes de consultar pistas.

Podedes facelo en papel e despois pasao a cartonila, goma EVA, cartón... Empregade toda a vosa creatividade para decoralo. Espero imaxes das vosas creacións. (Consello, decorade ou pintade as dúas caras de cada peza)





Clica nas imaxes
  
     
Reto de sombras                                    Solucións  




luns, 11 de maio de 2020

Mates na cociña. Receita de filloas

Hoxe almorcei unhas riquiiiiiiiisimas filloas. Acordeime entón de algo que tiña ganas de facer hai tempo, traballar as mates cunha receita de cociña. E cal mellor que esta, sinxela, doada e moi moi rica. Podedes fecela todos e todas (de feito sempre a facedes no entroido). Propóñovos elaborar as filloas e facer as actividades do ficheiro anexo. Lembrade que unha das cousas máis importantes para aprender é facerse moitas moitas preguntas... e despois intentar buscar respostas.

Espero as vosas receitas adaptadas e as fotos dos resultados, se queredes, claro.



Bo proveito !!!



Ksi Meritos con numeritos !!

Por petición popular, poño outra tanda de cálculo. Esta vez cambiando "sacos de Paco" por Ksi Meritos con numeritos (que por certo, alucinei cos prezos deste simpáticos bonecos. Se un deles custa uns 45€, botade contas canto custarán dous ou tres). Unha das fichas vai en branco para que poñedes vós as cantidades todas as veces que queirades, só tedes que imprimila sempre que vos apeteza. Facede algunhas para sumar cantidades e outras para multiplicar.
E intentade facer as multis descompoñendo a cantidade grande. No video de OAOA que vos puxen hai un días explica moi ben como facelo.






Imaxe: Ksi-merito.net

luns, 4 de maio de 2020

Un pouco de cálculo mental

Cómo van esas táboas de multiplicar. Supoño que xa están practicamente dominadas todas elas. Lembrade que sempre vos digo que é moi importante memorizalas, unha vez que se entende perfectamente o concepto da multiplicación, para axilizar os procesos de cálculo mental e non ocupar memoria de traballo con procesos que poden estar interiorizados e automatizados. Deste xeito deixamos o cerebro liberado para centrarnos na resolución dos problemas empregando o razoamento lóxico e non perdemos tempo en construír cada vez algo que xa sabemos.

Hoxe vos propoño uns exercicios de repaso de cálculo mental. Chameilles "Os sacos de Paco", xa veredes por que.


Non esquezades comprobar ao final coa calculadora !!


Sacos 1                Sacos 2                Sacos 3


Como sempre, se tedes algunha dúbida, enviádeme un correo.


Reto 023. O número do día

Esta vez, en lugar dun pequeno reto diario, vouvos propoñer un reto que vai durar, como minimo, unha semana (esta semana non colgarei outros). Despois, se alguén quere seguir, pode facelo ata completar o mes.
Trátase de investigar curiosidades e propiedades relacionadas co número de cada día. A idea deuma un neno murciano que fixo isto onte (domingo día 3).




Hoxe é día 4. A ver que se vos ocorre !!!